Formación miúdos

Qué, por qué e cómo?

Ítaca Miúda é un espazo creativo para que @s nen@s a partir dos 3 anos, en grupos por idades, poidan ter un primeiro contacto coas artes escénicas. Entendemos que as artes escénicas aportan ferramentas vitais para o desenvolvemento do neno ou nena e da súa propia creatividade. Ademais de aprender técnicas escénicas, permítelle traballar en equipo, tomar conciencia de si mesmo, do outro e do que lle rodea.
A través dunha metodoloxía teatral propia, elaborada a partires da experiencia e da formación ao longo dos anos, acompañamos á nena ou neno no seu proceso madurativo como persoa que descubre, sinte, pensa e expresa.

Medrando co xogo dramático

Dos 3 aos 4 anos
Coa expresividade e creatividade dos xogos pre-dramáticos, da fantasía que nos proporcionan os contos, do ritmo que nos facilitan as cancións infantís e do sorprendente e festivo da vida cotiá facilitamos a observación e coñecemento do corpo, dos outros e do entorno, potenciando as capacidades motrices, lingüísticas, emocionais e sociais dos máis cativos.
Consúltanos os obxectivos para este grupo de idade!

Teatro e movemento expresivo

dos 5 aos 12 anos, divididos por tramos de idade
A través da expresión corporal e do xogo dramático, o neno ou nena adquire ferramentas que lle permiten crear realidades sen precisar de xoguetes-obxecto, toma conciencia expresiva do seu propio corpo, proba novas formas de comunicación, traballa a empatía respectando ós outros… e aprende a crear personaxes e historias, achegándose, en definitiva, ao mundo do teatro.

  • Grupo dos 5 ós 7 anos
  • Grupo dos 7 ós 9 anos
  • Grupo dos 9 ós 12 anos

Interpretación e dramatización

dos 13 aos 16 anos
Un obradoiro dirixido a mozas e mozos que sintan curiosidade por coñecer as ferramentas necesarias para subir a un escenario ou poñerse diante dunha cámara. Traballamos a expresividade do corpo e da voz, a creatividade, o sentido do ridículo, a comunicación e o espazo e tempo dramáticos, a construción de personaxes, escenas e ambientes, así como outras técnicas da arte dramática e interpretativa.

Contaxiarte. Campamento de Artes Escénicas

Contaxiarte é un campamento para nenos e nenas dos 5 ós 12 anos que se realiza durante os períodos de vacacións escolares.
Cada día achegámonos, a través do xogo, a unha disciplina escénica: teatro, clown, monicreques,danza, teatro de sombras, mimo… para descubrir o que as diferenza.
Contaxiarte integra divertimento e aprendizaxe incitando procesos creativos que combinan elementos como o movemento, o xesto, a palabra ou a luz.

Obradoiros puntuais

Ó longo do curso realizamos obradoiros monográficos relacionados coas artes escénicas para nenos e nenas e rapazada.
ÍTACA Teatro
Navegar en esta web implica la aceptación de las cookies correspondientes.   
Privacidad