Formigas no peto
![[:es-gl]cropped-logo.png[:]](https://www.itacateatro.com/wp-content/uploads/2018/06/cropped-logo.png)
Formigas no peto
Espectáculo unipersoal
Público mozo e adulto
Duración: 85 minutos
Proposta
Espectáculo unipersoal
Público mozo e adulto
Duración: 80 minutos
Proposta
No seu segundo espectáculo, Formigas no peto, Ítaca Teatro afonda na capacidade do teatro para comunicar e transmitir emocións e dá un paso máis na experimentación con códigos contemporáneos. Deste xeito, embárcase nunha creación colectiva cunha dramaturxia propia, realizada por Ana Carreira e José Campanari, baseada no traballo de narrador e de improvisación do protagonista, Carlos Rebolo.
Sinopse
Formigas no peto mergúllanos na infancia, como cerne do noso ser, a través da memoria do protagonista, unha memoria que en parte podería ser a nosa, porque nela danse a man o individual e o colectivo, o que nos fai únicos e o que nos vencella cos demais.
Tres linguaxes artísticas convivindo en escena
Formigas no peto é un espectáculo que mestura o contar historias de viva voz, o teatro de actor e o teatro de imaxe.
As historias rescatadas da memoria do actuante, e reconvertidas en autobiografía ficcionada, entrecrúzanse en escena con personaxes recoñecibles e mesmo entrañables que forman parte do entorno de todos nós. Completando a proposta atopámonos cun universo onírico onde a realidade se mestura con imaxes icónicas do legado literario e audiovisual que xa forman parte do imaxinario colectivo.
En escena, o contador de historias deixa paso ó actor e ambos convidan ó actuante a xogar.
O espectáculo está sostido por unha dramaturxia fragmentaria a base de recordos “deconstruídos”, onde non se busca unha lectura lineal, onde as imaxes non ilustran o dicir, senón que salpican o percorrido. Os fragmentos convértense en unidade cando ao rematar descubrimos que todo tiña un motivo polo que ser observado, escoitado, vivido… nese lugar compartido.
Formigas no peto parte da idea de que a memoria é un conxunto de pezas que unidas forman a historia vivida ata o momento e incluso a historia anterior á nosa existencia, pero podemos observalas unha a unha atopando o sentido de cada instante en si mesmo.
O equipo
Intérprete: Carlos Rebolo
Dramaturxia: Ana Carreira e José Campanari
Música orixinal: David Alonso Garzón
Espazo sonoro: Fx Foley
Iluminación: Satcom
Fotografía e vídeo: Juan Rivas
Deseño de escenografía: A E R P
Realización de escenografía: Teo García
Deseño e confección de vestiario: Attacare bottone
Dirección: José Campanari
Deseño gráfico: La Cosa Gráfica
Distribución: Luisa Fernanda Torres
Produción: Producións Artísticas Ítaca S.L.

Carlos Rebolo
Carlos é unha figura imprescindible na escena teatral lucense dende hai anos. No ano 2018 estrea Cinco Minutos sen respirar, primeira obra da compañía Ítaca Teatro, da que é cofundador, e no 2020 estrea Pínconús, coa compañía Pínconús Teatro.
Por outra banda, dirixe a compañía do HULA, labor que compatibiliza tamén coas de actor e director de Hipócrita Teatro de Lugo, da que é membro fundador (2004) e coa que se fixo merecedor do premio Manuel Lugrís Freire 2012 ao mellor actor por Homes en Escabeche.

Ana Carreira
Actriz, narradora oral e dramaturga é titulada superior en Arte dramática na especialidade de dirección escénica e dramaturxia.
Como actriz comezou a súa andaina con Achádego para despois pasar pola Aula de Teatro da USC, as Ultranoites da sala Nasa e EscénaTe. Actualmente colabora coas compañías Pínconús e Ubú Teatro da que é cofundadora.
Como dramaturga ten varias publicacións e traballou para Vía 6, Limiar Teatro, Il Maquinario e Galeatro.

David Alonso
Nado en A Coruña no 1978, cursou estudos no Conservatorio Superior de Música de A Coruña.
No 2009 comeza a súa actividade como compositor para o medio audiovisual.
Participa como compositor en máis de trinta curtametraxes, cinco longametraxes, varios documentais e compón, tamén, para publicidade e artes escénicas.
Foi nominado en dúas ocasións aos Jerry Goldsmith Awards e unha aos Hollywood Music in Media Awards á mellor música para serie de televisión.
Dúas das súas longametraxes, “The Owner” e “Trainstation” teñen os Premios Guinnes á maior cantidade de directores nun mesmo filme, por reunir creadores de máis de 25 países.
No 2018 crea a música e o espazo sonoro para o primeiro espectáculo de Ítaca Teatro, “Cinco minutos sen respirar”.

José Campanari
Actor, director teatral, autor, contador de historias e formador.
Neto de inmigrantes italianos nace en Arxentina en 1959.
En 1982 achegouse ao mundo das artes escénicas en Bos Aires.
Desde 1999 reside en Galicia onde traballa, entre outras, nas compañías Berrobambán, Matapiollos, Excéntricas, Matarile, Sapristi… como actor e/ou director, ao tempo que desenvolve a súa actividade individual como contador de historias e formador de xente que conta.
Escribe algunhas obras de teatro para a familia e publica libros de literatura infantil e de teoría sobre narración oral e teatro.
Actualmente, retirado dos escenarios como actor e contador de historias, colabora coas compañías Ubú Teatro, Pínconús e Ítaca Teatro e segue escribindo.

Teo García

FXFOLEY

SATCOM

Juan Rivas

A E R P

Attacare Bottone

TAES Comunicación

La Cosa Gráfica
